Santiago, 5 de decembro de 2019.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que “tres de cada catro emendas presentadas polos grupos da oposición ao articulado dos orzamentos da Xunta para 2020 son as mesmas emendas que xa rexeitamos outros anos”. Así mesmo, cualificou as demais emendas como “electoralistas, porque pintan uns gastos con ingresos que non se van a producir”.
Pedro Puy concretou que das 208 emendas presentadas polos grupos da oposición ao articulado da lei de orzamentos, “150 son idénticas doutros anos nos que xa foron rexeitadas cun razoamento específico”.
Deste xeito, o portavoz popular explicou que se aceptaron tres emendas (dúas ao Grupo Socialista e unha ao Grupo Común da Esquerda): para concretar as subas dos salarios aos empregados públicos de acordo coa normativa estatal no mes seguinte desde a notificación da autorización por parte do Goberno central; para precisar algunhas das entidades instrumentais da Administración galega que amortizan avais (como Igape, XesGalicia ou Sodiga); e para dar a coñecer en formato editable a información orzamentaria que a Xunta remite ao Parlamento.
DÉBEDA NO 0,1 POR CENTO DO PIB
Tamén se aceptou unha transacción co Grupo Socialista para fixar a débeda da Comunidade galega no 0,1 por cento do PIB, condicionado co cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria 2020-2022 que terá que aprobar o Goberno de España e o Consello de Política Fiscal e Financeira.
Puy manifestou que as emendas presentadas polos grupos da oposición incorren en tres problemas fundamentais. En primeiro lugar, moitas baséanse nunhas previsións de ingresos irreais, “polo que preferimos manter o equilibrio orzamentario que propón o proxecto de lei que manda o Goberno galego”, sinalou.
En segundo lugar, hai emendas que van contra a normativa básica do Estado, como os incrementos de acción social para os empregados públicos; e, por último, outras emendas non se aceptan porque xa están incluídas en leis vixentes de duración indefinida, como a solicitude de remisión de información sobre contratación pública que xa se recolle na Lei de Transparencia, polo que non ten sentido incorporalas a unha lei de vixencia temporal como a de orzamentos.
Para rematar, Pedro Puy salientou que “a propia oposición recoñeza que estamos a falar duns orzamentos que non son electoralistas, porque consideran que poderían medrar máis”. “O que si son electoralistas, son as emendas da oposición, porque están a pintar gastos con ingresos que non son posibles”, indicou.