Santiago, 27 de abril de 2021.- O voceiro de Emprego, José Manuel Balseiro, amosou esta tarde no Parlamento a solidariedade e apoio do Grupo Popular aos traballadores da refinería de Repsol en A Coruña, e avanzou a esperanza de que o expediente temporal de regulación de emprego (ERTE) anunciado e que afectaría a este centro “poida reconducirse e non chegue a aprobarse”.
Balseiro acusou ao BNG de utilizar o Parlamento galego coa pretensión de xerar “falsas expectativas” entre o persoal, pois vinculan o futuro do ERTE a un pronunciamento da Xunta. Neste sentido, lembrou que o ERTE afecta a centros de traballo emprazados en distintas comunidades autónomas, en concreto, ás refinerías desta compañía en A Coruña e Puertollano (Castela-A Mancha) e, polo tanto, a súa resolución non depende da Xunta se non ao Ministerio de Traballo, “que é autoridade laboral competente”.
Con todo, o voceiro popular insistiu en que a empresa debe esforzarse para chegar a un acordo nas negociacións e lembrou que, de ser o caso, “teñen a disposición os mecanismos de solución extraxudicial de conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais”.
Balseiro tamén explicou que, aínda que a Xunta non ten ningunha competencia xurídica sobre este ERTE, “non significa que se desentenda desta crise”. De feito, constatou que desde a Vicepresidencia Económica da Xunta e a Consellería de Emprego están levando a cabo negociacións e intermediando cos ministerios competentes.
“Confiamos en que, como o está a facer Galicia, o Goberno central estea vixiante, e vele pola boa fe e pola adecuada negociación entre a representación dos traballadores e Repsol”, dixo Balseiro.
ATAQUES Á INDUSTRIA GALEGA
Finalmente, José Manuel Balseiro reivindicou o papel da industria en Galicia, “fronte aos continuos ataques que recibe do Goberno de España” e, neste senso, lembrou os casos de Alcoa, Ence ou os peches das térmicas das Pontes e Meirama.
Balseiro explicou tamén que, no caso de Repsol, “ao negativo contexto internacional marcado pola Covid-19, hai que sumar unha transición enerxética estatal improvisada, que carece da necesaria planificación”. “Desde o Grupo Popular levamos alertando meses que a transición enerxética se está facendo dun modo un tanto errático a nivel estatal”, lembrou, polo que advertiu que “esta situación pode servir de escusa para que empresas como Repsol adopten decisións no ámbito do emprego que non desexamos”.
Con todo desde, o portavoz popular sinalou que unha posible solución para a refinería da Coruña pasa por executar os investimentos necesarios para garantir o mantemento da totalidade dos empregos, como por exemplo avanzando nas obras do poliduto que conecta co porto exterior de punta Langosteira. “Calquera decisión futura non debe obviar que o centro de Repsol na Coruña ten unha situación predominante como única refinería do noroeste español”, indicou.