A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, amosou “o compromiso firme da Xunta coa construción dun novo centro de saúde no concello de Poio, que será unha realidade no momento en que haxa unha parcela viable para levantar este edificio sanitario”. Neste sentido, salientou que “o actual goberno municipal xa está tratando de remediar os erros dos seus predecesores, que deixaron unha situación complexa ao propoñer unha parcela que non cumpría os requisitos”.
“Queremos un novo centro de saúde en Poio, pero querémolo ben feito e nun terreo que cumpra os requisitos técnicos”, incidiu Encarna Amigo. Neste sentido, cualificou de “electoralista e sen garantías a adquisición polos anteriores responsables municipais do BNG, co apoio do PSdeG, dunha parcela en Campelo para o novo centro de saúde, un terreo sen abastecemento, sen saneamento, sen accesos e que require un viario novo nun terreo complexo”.
Diante desta situación, a portavoz popular sinalou que “o SERGAS xa advertiu a necesidade de facer un plan especial para habilitar urbanisticamente esta parcela, urbanizar os accesos e dotar de servizos, pero nada de iso se fixo e agora nacionalistas e socialistas queren que a Xunta proxecte un centro sobre un terreo que non é viable”.
Encarna Amigo recordou que a Xunta xa conta desde o ano 2021 cun proxecto para levar adiante este novo centro de saúde, que terá unha superficie de 2.300 metros cadrados, con nove consultas médicas e outras tantas de enfermería, así como despachos de pediatría, fisioterapia, saúde bucodental e matrona. “O único que falta para facer realidade este proxecto é unha parcela viable, algo sobre o que o actual Goberno municipal xa está traballando para remediar o erro e a improvisación dos seus antecesores”.