O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, animou hoxe no Pleno do Parlamento galego ao Concello de Ourense a participar na Estratexia de infraestrutura verde e de conectividade e restauración ecolóxicas aprobada pola Xunta e a través da que se investirán tres millóns de euros para renaturalizar as cidades galegas.
Gonzalo Trenor afirmou que Galicia será a primeira comunidade autónoma en contar cunha estratexia deste tipo, cuxo obxectivo principal é a creación dunha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, que contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións das contornas.
REFERENTE
Neste sentido, o portavoz popular considerou “fundamental dotar ás cidades de espazos verdes urbanos como parques, xardíns, fontes ou áreas recreativas que repercutan na redución das emisións á atmosfera, considerando que as áreas urbanas son esenciais xa que nelas xéranse entre un 40 e un 70 por cento das emisións de gases de efecto invernadoiro”.
“Por iso a estratexia de infraestrutura verde fai especial fincapé nas urbes, e impulsa iniciativas como a creación de rúas verdes coa plantación de especies autóctonas que, xunto co uso de pavimentos naturais, a atenuar o efecto illa de calor”, apuntou.
Trenor avogou por “facer de Ourense un referente das infraestruturas verdes”, polo que solicitou a colaboración do Concello para mellorar a ordenación do seu territorio e previr os efectos adversos do cambio climático e os seus riscos principais.