Santiago, 24 de abril de 2019. A deputada do Grupo Popular Raquel Arias defendeu hoxe no Parlamento a importancia da creación nos próximos meses dunha marca galega que ampare os produtos hortícolas cultivados na nosa comunidade.
Neste sentido, lembrou que este selo “é un compromiso da Consellería do Medio Rural para a presente lexislatura”, de forma que antes de rematar ese período “o sector disporá dunha marca que distinguirá a calidade excepcional das nosas verduras e hortalizas e garantirá a súa orixe galega, unha medida beneficiosa tamén para o consumidor, que poderá terá a seguridade de que merca produtos cultivados na nosa terra”.
Do mesmo xeito, Raquel Arias afirmou que este selo permitirá vincular “o recoñecemento e a aceptación dos nosos produtos da horta coa marca Galicia e, polo tanto, favorecerá novas oportunidades de mercado e de asentamento como sector estratéxico no mundo agrícola”.
MÚLTIPLES POTENCIALIDADES
Arias explicou tamén que na actualidade a Consellería do Medio Rural segue traballando nunha estratexia para impulsar o sector, “consciente das múltiples potencialidades dos produtos da horta galega”.
Un sector ao que o Goberno da Xunta xa vén prestando especial atención a través de medidas como a liña de axudas específicas de apoio ás explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal. O obxectivo destas subvencións é contribuír ao incremento da competitividade e o rendemento global das explotacións, especialmente a través da súa modernización.
SECTOR HORTÍCOLA
A deputada popular expuxo datos sobre o sector da horta en Galicia, destacando a existencia dunas 850 explotacións profesionais baixo cuberta, das cales 150 hectáreas se corresponden con invernadoiros. En canto á súa propiedade, a meirande parte pertencen a cooperativas e outras figuras asociativas.
En relación ás explotacións ao aire libre, existen arredor de 1.100 hectáreas vinculadas a produtos de horta, ás que habería que engadir unhas 600 hectáreas máis destinadas ao grelo e a faba