9 de decembro de 2022. O Grupo Popular apoiou esta mañá no Parlamento de Galicia a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se respalda as demandas dos colectivos sociais e dos organismos internacionais para que se axilice e impulse a tramitación e aprobación polo Congreso dos Deputados da proposición de lei de bebés roubados en España.
O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, considerou “de xustiza que se tomen medidas para investigar estes gravísimos feitos e posibilitar que as vítimas recuperen a súa identidade civil”, polo que avogou porque “esta problemática especialmente sensible debería manterse allea a calquera tentación de uso partidista”.
“O que non podemos permitir é a pretensión do BNG de limitar a capacidade lexislativa do Congreso, no que reside a soberanía nacional, para modificar a proposición de lei”, manifestou Pazos, quen considerou “máis incomprensible se temos en conta que determinados aspectos relacionados cos sustración de bebés xa foron abordados na recente Lei 20/2022 de Memoria Democrática, o que obriga a reprantexar os contidos da proposta que está sendo tramitada no Congreso”.
Deste xeito, subliñou que “a simpatía cos prantexamentos legais ou ideolóxicos de determinados colectivos non poden usarse de coartada para limitar a capacidade dos lexítimos representantes dos cidadáns”.