Santiago, 2 de outubro de 2019.- O Grupo Popular amosou hoxe no Parlamento o seu apoio, a través da aprobación dunha proposición non de lei, ás xustas reivindicacións das traballadoras e traballadores das empresas auxiliares que prestan servizos de operación e mantemento de rede e atención ao cliente de R Cable, para que estes servizos continúen a ser prestados desde territorio galego, garantindo ademais que a atención ao cliente se siga dando en galego.
Ademais, demándase que a Xunta se dirixa a R Cable e Euskaltel para que se senten a negociar coas traballadoras e traballadores afectados e se reverta a situación, e, se estas se negasen, revisar a situación destas empresas como provedoras de servizos para a Administración galega así como asegurar o dereito dos consumidores a ser atendidos en idioma galego.
O deputado popular Moisés Rodríguez lembrou que “a Xunta é unha administración ao servizo do emprego e da actividade económica e por iso está ao lado das traballadoras e os traballadores das empresas subcontratadas por Euskaltel e fará todo o que poida na defensa dos seus postos”.
POSICIÓN ACTIVA DA XUNTA
“A Xunta adoptará sempre unha posición activa na defensa dos postos de traballo en Galicia, velando sempre polo cumprimento dos dereitos dos traballadores e escoitando sempre o que queiran dicir os seus representantes”, indicou
Moisés Rodríguez manifestou que a Xunta e o PPdeG, “a diferenza dos grupos da oposición, non distinguimos entre traballadores de primeira e traballadores de segunda, porque para nós todos son importantes e as súas familias tamén”.