Santiago, 11 de novembro de 2021.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a realizar plans de formación máis exhaustivos e atendendo á realidade do colectivo LGBT para todas as categorías profesionais dentro do Sergas, garantindo unha información rigorosa e libre de prexuízos.
“O compromiso do Goberno galego e do PPdeG na defensa da igualdade de dereitos de todas as persoas, sexa cal sexa a súa orientación ou identidade sexual, é firme; e mostra disto son os avances moi importantes que se produciron nos últimos anos, aínda que recoñecemos que queda moito por facer”, manifestou a deputada popular Noelia Pérez.
Na súa intervención, Pérez insistiu que “Galicia e os galegos somos maioritariamente unha sociedade inclusiva, igualitaria e na que queremos vivir libremente, e nesa liña imos seguir traballando para que non haxa retrocesos no que se refire á protección dos dereitos das persoas pertencentes ao colectivo LGTB”.
A deputada popular explicou que a Consellería de Sanidade está a formar aos profesionais sanitarios con cursos específicos sobre a atención sociosanitaria respecto da diversidade sexual, “e vaino seguir facendo porque consideramos fundamental traballar de cara a unha mellora calidade na atención que reciben todos os galegos”.
Ademais, apuntou que o Sergas conta por primeira vez cun Plan de Igualdade “que marca o camiño para loitar contra as discriminacións por razón de xénero ou condición sexual, con medidas que teñen en conta os permisos familiares, as distintas definicións de familia ou actuacións para garantir o dereito das persoas transexuais, transxénero e intersexuais”.