Santiago, 15 de decembro de 2020.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación na Comisión 8ª do Parlamento galego dunha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno de España a supresión de oficio do artigo 18 do actual proxecto de Lei de cambio climático e transición enerxética, así como a consensuar co sector mar-industria galego calquera modificación da lei de costas no referido á vixencia das concesións administrativas asentadas á beira do mar.
A portavoz popular do Mar, Teresa Egerique, afirmou que “esta é unha preocupación que a Xunta e o PPdeG levamos manifestando desde hai máis de ano e medio” e incidiu que “é necesario actuar en conxunto e con contundencia”.
MÚLTIPLES OCASIÓNS
Neste sentido, apuntou que o sector da cadea mar-industria “mantén a incerteza sobre o seu futuro en relación coa duración das concesións de dominio público marítimo-terrestre, unha preocupación que tanto a Xunta como o PPdeG mantemos motivada polas múltiples ocasións nas que o actual Goberno central deu motivos sobrados de desconfianza”.
Así, lembrou que, “en primeiro lugar, coa escasa transparencia coa que pretendía modificar a Lei de costas; máis tarde, introducindo artigos sobre a duración das concesións en dominio público marítimo-terrestre a través do proxecto de Lei de cambio climático; e, despois, apuntando que ían presentar unha emenda do PSOE a este texto e que nunca chegou a rexistrarse”.
“Non podemos esquecer que esta situación pon en risco a máis dun cento de empresas e outras actividades do complexo mar-industria, así como a milleiros de edificacións galegas no litoral”, indicou a portavoz popular, quen apuntou que “tampouco podemos esquecer que a tramitación desta normativa se fixo pola porta de atrás e sen diálogo previo cos afectados”.
Teresa Egerique incidiu que “tiñamos razón en non fiarnos do Ministerio e por iso instamos a aclarar de forma oficial no mes de febreiro que se paralizaba a reforma do regulamento da Lei de costas que tiña en marcha, pero agora vemos que esta proposta a reactivaron en pleno estado de alarma, nunha lei que non é a de costas e sen dialogar co sector afectado”.