Santiago, 23 de marzo de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento instar ao Goberno central a realizar as negociacións oportunas diante da empresa multinacional Alcoa para abrir ao tráfico comercial o dique norte do seu porto comercial de San Cibrao.
O deputado popular Daniel Vega salientou que o Partido Popular “somos os únicos que non mudamos a nosa postura e sempre defendemos a apertura deste dique”. A modo de exemplo, lembrou a emenda presentada no Congreso aos orzamentos de 2008 para que se incluíra unha partida orzamentaria destinada ao proxecto de apertura ao tráfico do dique norte de Alcoa ou o informe elaborado polo Goberno do PP no que cifra o custe de apertura deste dique en 30 millóns de euros e unha previsión de captación de tráficos de entre 0,5 e 1 millón de toneladas anuais.
PSOE E BNG: MOITAS PROMESAS, NINGUNHA ACCIÓN
Pola contra, criticou que socialistas e nacionalistas “se acorden agora do dique norte de Alcoa cando mentres gobernaron non foron quen de levar adiante medidas para a súa apertura ao tráfico a pesar de facer moitas promesas, co agravante nalgunhas ocasión de dicir unha cousa e a contraria sobre o mesmo”.
O deputado popular sinalou que os socialistas “xa anunciaran no 2004 a súa intención de abrir este porto, tanto no seu programa electoral como no Plan intermodal de servizos e infraestruturas de transporte, pero o presidente de Portos de Galicia durante o bipartito encargouse de botar abaixo estas promesas alegando que non vía a necesidade de abrir o dique norte de Alcoa”.
Respecto do BNG, Vega recordou que “cambiaron de postura en tan só dez días, previos á aprobación dos orzamentos do Goberno de Zapatero”. Así, explicou que o 7 de setembro de 2008 anunciaban que non negociaban os orzamentos estatais sen o porto comercial de Lugo, pero o 17 do mesmo mes publicábase que “Jorquera non condiciona o seu apoio ao Goberno a abrir o dique de Alcoa”.