Santiago, 22 de novembro de 2018.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno do Estado que asuma os custes dos suplementos territoriais en relación ás peaxes polo acceso á enerxía eléctrica, si finalmente non prospera o recurso interposto polo Goberno galego contra esta orde do Goberno central.
A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, lembrou que esta orde estatal afecta a 14 das 17 comunidades autónomas españolas e lembrou “a coherencia do PPdeG ao solicitar que Galicia quede fóra desta orde que asigna os suplementos territoriais tanto ao anterior Goberno do PP como o actual do PSOE”, como quedou de manifesto noutras iniciativas que xa se debateron e aprobaron no Parlamento galego sobre este mesmo tema no último ano.
Deste xeito, criticou “a falta de lealdade política dos socialistas galegos, xa que cando gobernaba o señor Rajoy votaban a favor de suprimir estes suplementos, pero agora que están no Goberno do Estado se poñen de perfil e non apoian que aos consumidores galegos non se lles repercuta este suplemento eléctrico e sexa o Goberno central quen se faga cargo destes custes”.
QUEN CONTAMINA, PAGA
Marta Nóvoa insistiu que “tanto o Grupo Popular como o Goberno galego non compartimos que uns impostos que gravan o impacto no medioambiente teñan que repercutirse aos consumidores galegos”. “A nosa filosofía é que quen contamina, paga, e esa é a natureza de todos os impostos que se ven afectados por estes suplementos: sobre a contaminación atmosférica, sobre o uso e aproveitamento da auga embalsada e o canon eólico”, explicou.
“Estes impostos, creados por distintos gobernos da Xunta, en ningún caso se habilitaron para que repercutisen aos consumidores, xa afectados polo impacto medioambiental que provocan as distintas actividades que gravan”, apuntou.