Santiago, 19 de novembro de 2019.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento de Galicia dunha moción a través da que se demanda o impulso de medidas, coa dotación económica precisa, que melloren a situación laboral das mulleres galegas, en especial actuando na rebaixa da fenda salarial.
A deputada popular Cristina Romero subliñou que a Xunta “xa traballa con medidas concretas para mellorar a calidade do emprego das mulleres e abordar as causas que xeran estas desigualdades salariais”. Froito deste traballo, sinalou que “hoxe temos menos mulleres desempregadas que en 2008, temos máis mulleres que nunca afiliadas á Seguridade Social, máis de sete de cada dez asalariadas teñen contrato indefinido e case oito de cada dez traballadoras teñen unha xornada a tempo completo”.
MENOR DESIGUALDADE EN GALICIA
“O mercado laboral galego presenta mellores resultados para as mulleres que no conxunto de España na maioría dos indicadores: menor taxa de paro, maiores taxas de actividade de emprego e menor taxa de parcialidade”, sinalou. Ademais, lembrou que o Índice de Equidade de Xénero das comunidades autónomas publicado este ano sitúa a Galicia como a comunidade con menor desigualdade entre homes e mulleres no mercado laboral.
Porén, Cristina Romero apuntou que “ter a mellor situación laboral para as mulleres en Galicia non quere dicir que non existan desigualdades entre mulleres e homes no noso mercado laboral, que procede dunha menor presenza das mulleres en postos directivos e de administración de empresas, e, sobre todo, na falta de corresponsabilidade á hora de asumir as tarefas domésticas e familiares”.
Por último, a deputada popular referiuse á brecha salarial e sinalou que Galicia é a oitava comunidade autónoma con menor desviación entre homes e mulleres e a segunda con maior crecemento dos salarios das mulleres entre 2008 e 2016.