11 de novembro de 2022. O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento de Galicia a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se esixe ao Goberno central a declaración de servizos ferroviarios de proximidade nas liñas A Coruña-Ferrol, A Coruña-Santiago e Vigo-Pontevedra-Vilagarcía-Santiago, co obxecto de que entren en funcionamento no primeiro semestre de 2023.
“Hai que apostar pola alta velocidade pero sen desatender os servizos ferroviarios convencionais que teñen unha importancia capital para garantir a mobilidade dos cidadáns e para revitalizar e vertebrar o interior de Galicia”, manifestou a deputada popular Begoña Freire.
Na súa intervención, Freire dixo que “os galegos necesitan conexións ferroviarias no interior do territorio competitivas, e para iso é preciso que se actúe tanto na mellora das infraestruturas ferroviarias como na dotación de máis frecuencias, máis horarios e mellores prezos, que fagan do tren un medio de transporte útil para dar resposta ás necesidades de mobilidade dos cidadáns”.
SERVIZO ADAPTADO ÁS NECESIDADES
“É preciso mellorar as infraestruturas ferroviarias, modernizando as instalacións, os trens e impulsar a intermodalidade para ofrecer un mellor servizo aos cidadáns, adaptado ás súas necesidades”, insistiu a deputada popular, quen se amosou a favor “dun sistema de ferrocarril de proximidade que aposte por reforzar servizos e procure a maior coordinación cos servizos de autobús”.
Begoña Freire asegurou que “non imos aceptar nunca un sistema de ferrocarril de proximidade que consista en suprimir trens e substituílos polo autobús, que é o que pretende o Goberno central, esquecendo as súas competencias e discriminando de novo a Galicia”.