Santiago, 13 de abril de 2021.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Pleno do Parlamento galego a toma en consideración da proposición de lei de reforma da Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, de xeito que se inclúa a violencia vicaria como unha forma máis de violencia de xénero.
A viceportavoz popular, Paula Prado, afirmou que “seguimos a dar pasos na consecución da plena igualdade” e sinalou que “a base dos grandes logros está no consenso, porque cantos máis participemos máis forza facemos e máis difícil será que ninguén cuestione os avances que conseguimos”.
Paula Prado comezou a súa intervención no Pleno amosando o seu apoio á viceportavoz popular Elena Candia e lamentando que “parece mentira que haxa quen siga medindo ás mulleres pola súa vestimenta, que non se faga unha crítica do que se dixo ou se fixo, con argumentos e con confrontación de ideas, senón que se vai ao chascarrillo fácil do rol sexista”.
“O cerne da violencia de xénero está na falta de respecto á muller, na vulneración do principio de igualdade de trato, no desmerecemento da muller polo feito de ser muller e no mecanismo de control que condiciona a súa forma de actuar, a súa forma de pensar e tamén a súa forma de vestir” concretou.
Paula Prado explicou que a violencia vicaria é “a violencia instrumental contra as mulleres desprazada sobre o que máis queren, normalmente sobre os fillos e fillas, pero tamén sobre a súa familia directa”. Por este motivo, apoiou a inclusión da violencia vicaria como unha forma máis de violencia de xénero ás descritas no texto lexislativo: violencia física; violencia psicolóxica; violencia económica; violencia sexual e abusos sexuais; acoso sexual; e tráfico de mulleres e nenas con fins de explotación.
APOIO DESDE 2015
A viceportavoz popular subliñou que a Xunta “xa está poñendo desde 2015 os medios necesarios a disposición destas vítimas, contemplando tanto aos menores de idade fillos dunha vítima de violencia de xénero como as nais de menores asasinados polo seu proxenitor”. Porén, lamentou que “catro anos despois do acordo do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a lexislación española non recoñece como violencia vicaria nin ás nais de menores asasinados polos seus proxenitores nin as persoas familiares directos das mulleres asasinadas por violencia de xénero, pero si aos menores de idade fillos de violencia machista”.
Coa toma en consideración desta proposición de lei, “unha vez máis Galicia volve ser pioneira” nas medidas contra a violencia de xénero, pero Paula Prado avanzou que “desde o Grupo Popular queremos ir máis alá”. Así, avanzou que “emendaremos esta iniciativa para que se recoñeza o dereito ao acceso aos recursos e prestacións de ámbito autonómico previstos para casos de violencia de xénero aos familiares directos das vítimas mortais por violencia vicaria relacionadas ata o segundo grao de consanguinidade coa vítima de violencia de xénero, de acordo co que se determine na normativa que regule cada recurso ou prestación”.
Así mesmo, solicitou ao BNG que “apoien e respalden as demandas que fagamos ao Goberno central dun marco regulador que ampare as mulleres vítimas de violencia vicaria e as recoñeza como vítimas de violencia de xénero, co fin de posibilitarlles un acceso aos recursos estatais á súa disposición”.