Santiago, 22 de febreiro de 2022.- O Parlamento de Galicia condenou hoxe por unanimidade os graves casos de abusos sexuais a menores na Igrexa católica, amosando o apoio ás vítimas dos mesmos na súa demanda de verdade, xustiza e reparación. Así mesmo, insta á Xunta a apoiar e colaborar coas investigacións que se leven a cabo no ámbito da Igrexa, da xustiza e das institucións públicas, encamiñadas a coñecer a verdade, a reparar o dano causado e a condenar aos responsábeis destes graves delitos, así como dar soporte e apoio ás vítimas tanto no proceso de denuncia como no tratamento e superación dos danos e secuelas causados polos abusos que sufriron.
A deputada popular Marta Rodríguez-Vispo lamentou que o BNG rexeitara incorporar a esta proposición non de lei a emenda presentada polo Grupo Popular a través da que se instaba á Xunta a combater a lacra do abuso sexual infantil, afondar nas investigacións para que afloren todos os casos, foso cal fose no que se deron, e apoiar ás persoas que o padecen ou padeceron en todos os ámbitos.
Rodríguez-Vispo comezou a súa intervención amosando a solidariedade e apoio do Grupo Popular con todas as vítimas de abusos sexuais na infancia”. “Estamos a falar dun dos delitos máis desprezables e horrendos, non só pola vulnerabilidade das súas vítimas, senón tamén porque impacta globalmente sobre a persoa menor de idade, danándoa na súa integridade física, no seu desenvolvemento madurativo e nas súas relacións coas demais persoas”, apuntou.
QUE SE INVESTIGUEN TODOS OS CASOS
Por este motivo, asegurou que “apoiamos que se investiguen todos os casos, sexa quen sexa quen os cometa, que se faga xustiza en todos eles e que se reparen os danos en calquera circunstancia”.
“Erradicar os abusos é unha tarefa de toda a sociedade, institucións públicas e medios de comunicación, e tamén da Igrexa, como parte da sociedade, porque os abusos se producen en todos os ámbitos da sociedade”, sinalou a deputada popular, quen fixou que “o noso obxectivo como servidores públicos é que todas as vítimas de abuso sexual infantil estean protexidas, estean acompañadas e, se é necesario, reciban o tratamento psicoterapéutico que precisen”.
Rodríguez-Vispo manifestou que “o prioritario é investigar aos responsables e que o paguen, tamén en relación cos abusos cometidos por algúns membros da Igrexa católica”. “Todas as administracións e institucións estamos comprometidas na defensa do interese prioritario dos menores, en definitiva, comprometidos coa protección da infancia”.