Santiago, 1 de outubro de 2020.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento galego dunha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno de España a convocatoria urxente da Mesa de traballo para a transición enerxética xusta para As Pontes, así como a constitución dunha mesa específica para tratar a problemática do persoal da industria auxiliar de Endesa, co obxecto de concretar o número de traballadores afectados e a súa garantía de emprego.
O viceportavoz popular, Miguel Tellado, explicou que “as empresas non fallan, pechan porque o Goberno central lles obriga”. Neste sentido, lamentou que o Goberno de España “decidira expulsar pola vía impositiva ás centrais térmicas do sector de xeración de enerxía eléctrica”, a pesar dos importantes investimentos que estaban a facer as empresas que querían continuar.
ECOLOXISMO POPULISTA E CINISMO ENERXÉTICO
Tellado criticou que esta decisión do Goberno de Pedro Sánchez supoña “perder o que foi unha mina de ouro para a comarca de As Pontes” e puxo como exemplo que os traballadores desta zona “teñen a pensión máis alta de toda Galicia como consecuencia da fonte de riqueza que supuxo a central térmica”.
“O PPdeG está no mesmo punto de sempre: defendendo a continuidade da planta térmica, que podería seguir operando ata 2040 pero que o PSOE quere que peche xa”, sinalou. Neste sentido, criticou o “ecoloxismo populista” do Goberno de Pedro Sánchez, porque “queren ser os primeiros en cumprir en 2020 o que habería que cumprir en 2040”.
Ademais, engadiu que “ese ecoloxismo populista vai acompañado dun cinismo enerxético sen precedentes”, xa que “mentres se expulsan todas as centrais térmicas de España, en Alemaña se inauguran e se merca enerxía a Marrocos producida por plantas térmicas”.
Para rematar, Miguel Tellado subliñou que “sempre que gobernou o Partido Socialista foille mal ás comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal” e lembrou decisións adoptadas no pasado, como a falta de traballo nos estaleiros da ría de Ferrol ou a reconversión industrial que se viviu nesta zona.