O Grupo Popular apoiou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se pide ao Goberno central que non permita a suba das peaxes da AP-9 e AP-53, pola súa incidencia moi negativa nas economías familiares e en sectores económicos estratéxicos nun contexto de suba desmesurada dos prezos. “Non estamos a pedir algo imposible, porque o Goberno de Pedro Sánchez tan só debe seguir o exemplo marcado polo Goberno galego nas autoestradas da súa titularidade, conxelando as peaxes para evitar unha suba moi negativa para as economías familiares e para sectores estratéxicos como o transporte”, indicou o portavoz popular de Infraestruturas, José Manuel Balseiro.
Na súa intervención, Balseiro manifestou que “o Goberno de Pedro Sánchez aínda está a tempo de evitar que os galegos teñamos que asumir o 1 de xaneiro unha suba histórica das peaxes da AP-9 e da AP-53”. Neste sentido, explicou que “conxelar as peaxes nestas autoestradas estatais é factible desde o punto de vista económico, porque o Goberno central non está a gastar toda a partida consignada nos orzamentos de 2022 para aplicar estas bonificacións, polo que dispón de fondos máis que suficientes para a conxelación das peaxes”.
INICIATIVA APROBADA NO CONGRESO
O portavoz popular lembrou que o Grupo Popular no Congreso promoveu unha iniciativa, debatida e aprobada o pasado 14 de decembro, que constitúe un mandato expreso ao Goberno de Pedro Sánchez para que evite o incremento das peaxes na AP-9 e na AP-53. Porén, lamentou que “o mesmo BNG que hoxe trae ao Parlamento galego esta iniciativa cando toca debatela en Madrid nin sequera se digna en asistir ao debate, pero peor comportamento tivo aínda o PSOE, que se abstivo na aprobación desta iniciativa parlamentaria”.
“Tampouco temos obxección algunha a que se proceda á transferencia a Galicia da AP-9, a vía de comunicación máis importante de Galicia e que vertebra o territorio onde reside o 60 por cento da poboación”, incidiu José Manuel Balseiro, quen avogou por “un cambio de xestión nesta autoestrada para facelo con responsabilidade, con coñecemento territorial e tamén con sensibilidade social”.
Así, afirmou que “é tempo de lembrar que a AP-9 é patrimonio dos galegos, non dunha concesionaria, polo que a Xunta pode xestionar a AP-9 de maneira máis eficiente que o Ministerio, porque coñece o territorio e está máis próxima ás necesidades dos usuarios”.