Santiago, 9 de marzo de 2021.- O Grupo Popular apoiou esta tarde a aprobación no Pleno do Parlamento galego dunha moción a través da que se solicita que a perspectiva de xénero estea presente nos proxectos presentados pola Xunta aos Fondos Next Generation; que se revise o Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2020 para incorporar posibles novas accións que dean resposta á nova realidade da pandemia; e establecer medios para combater a fenda dixital de xénero.
A viceportavoz popular, Paula Prado, sinalou que o Goberno de España, “nas súas negociacións do Plan de recuperación, transformación e resilencia con Bruxelas, debe ser o primeiro en velar porque se cumpla a perspectiva de xénero en todo o relacionado cos Fondos Next Generation”. Porén, sinalou que “nós estamos de acordo en que a Xunta salvagarde a perspectiva de xénero do mesmo xeito que ven facendo cando executa outros fondos europeos, fondos finalistas ou fondos propios”.
NOVAS ACCIÓNS POLA COVID-19
Paula Prado sinalou, ademais, que “tamén estamos de acordo coa revisión do Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2020 para incorporar posibles novas accións que dean resposta á nova realidade xurdida coa pandemia, xa que esta proposta xa aparece recollida na proposición non de lei do Grupo Popular aprobada no último Pleno do Parlamento galego”.
En concreto, a proposición aprobada indicaba que, antes de rematar o actual período de sesións e nos traballos de avaliación do I Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2020, aplicar indicadores do impacto da Covid-19 no ano 2020, co obxectivo de modificar as medidas que sexan necesarias para o último tramo de vixencia do plan actual, así como aquelas que se inclúan no novo plan”.
Por último, respecto do establecemento de medios para combater a fenda dixital de xénero, sobre todo naqueles fogares máis vulnerables con dificultades de acceso a internet e a dispositivos electrónicos que impiden o mantemento do emprego cando a única opción é o teletraballo, Paula Prado explicou que “a Xunta xa o vén facendo a través da Amtega, que leva tempo traballando na eliminación das fendas dixitais que afectan á poboación e ao territorio galego”.
A viceportavoz popular apuntou que “os demais puntos das mocións defendidas tanto polo BNG como polo PSdeG xa están recollidos na proposición non de lei do Grupo Popular aprobada no pasado Pleno e, polo tanto, están en vigor na actualidade”. “Só apoiamos a aprobación destes tres puntos porque consideramos que complementan o acordo ao que chegamos por unanimidade na pasada sesión plenaria”, indicou.