O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Pleno do Parlamento de Galicia da proposición non de lei a través da que se apoia o uso do galego no Parlamento Europeo, instando aos órganos con capacidade de decisión na materia á toma en consideración da habilitación do uso do galego na Cámara europea. Porén, o deputado popular José Luís Ferro avogou porque “este uso do galego non supoña un custo para o Estado español e os gastos sexan asumidos polo propio Parlamento Europeo, do mesmo xeito que fan coas 24 linguas que se usan hoxe en día alí”.
José Luís Ferro lembrou que “o galego xa ten a día de hoxe un alto recoñecemento en Europa, porque non é unha lingua descoñecida no Parlamento Europeo e pódese usar en pé de igualdade con respecto ás outras linguas cooficiais de España”.
Neste sentido, apuntou que “o recoñecemento do galego como lingua oficial suporía un custo para o Estado español de máis de 40 millóns de euros anuais”, polo que criticou aos socialistas galegos por “xustificar que o Goberno central asuma este custo pero non se manifesten en relación a determinados proxectos estratéxicos para a nosa lingua que están á espera do financiamento comprometido polo Goberno de Pedro Sánchez”.
“Dáme a impresión de que apoiar o uso do galego na Unión Europea non é froito da súa preocupación pola nosa lingua, senón que é consecuencia da súa preocupación por manterse non poder custe o que custe”, indicou o deputado popular, quen cuestionou aos socialistas galegos se “son os únicos que non se dan de conta que están a ser chantaxeados polos independentistas cataláns e de que cambian constantemente de opinión para adaptarse aos seus socios independentistas de goberno?”.
Ferro lamentou que “o Goberno de Pedro Sánchez incumpre os seus deberes orzamentarios con respecto á nosa lingua, mentres os socialistas e nacionalistas galegos calan e aceptan con submisión”, ante o que avanzou que “seremos nós os que seguiremos reclamando eses importantes fondos para o galego e a súa promoción”.