Santiago, 9 de xuño de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento galego dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a realizar un informe que analice as consecuencias da reestruturación bancaria en Galicia, a situación de concentración do mercado bancario e as súas consecuencias para as persoas usuarias de servizos financeiros na Comunidade galega.
O portavoz popular, Pedro Puy, recoñeceu que “a absorción do Banco Popular polo Banco Santander acentúa aínda máis a situación de oligopolización do sector financeiro que vivimos non só en Galicia, senón tamén no resto de España”, chegando a cualificar esta absorción como “unha das peores noticias para Galicia nos últimos tempos”
GALICIA MENOS AFECTADA
Puy lembrou que o proceso de reestruturación bancaria vivido en Europa supuxo a perda de moito emprego e o peche de oficinas, unha situación que se trasladou a España pero que Galicia sufriu en menor medida. “En Galicia hai a salvedade de que se preservou unha entidade financeira como Abanca, herdeira das antigas caixas, situándonos como unha das poucas comunidades autónomas que conta cunha entidade financeira domiciliada no seu territorio”, indicou.
Na súa intervención, o portavoz popular referiuse a diversos condicionamentos que tivo o sector bancario nestes últimos anos, como a crise financeira e as distintas regulacións que se levaron a cabo; a política monetaria europea e os xuros negativos; e, por último, a banca electrónica, que está a ter un resultado e efectos sobre o emprego evidentes.
SITUACIÓN ENVEXABLE
No debate doutra proposición non de lei sobre a situación da débeda na Comunidade galega, Pedro Puy reiterou que “Galicia está nunha situación envexable en relación coa súa situación de endebedamento, xa que respecto ao PIB é un 6 por cento inferior que a media das comunidades españolas”.
“Galicia é das poucas comunidades autónomas que ten autonomía financeira e pode refinanciar a súa débeda sen estar suxeita a ningún tipo de condicionalidade”, reiterou o portavoz popular.