9 de febreiro de 2023. O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento galego que a Xunta, en coordinación con entidades vinculadas á salvagarda da memoria e legado de Olga Gallego, organice un programa de actividades para conmemorar o centenario do nacemento desta historiadora e arquiveira ourensá.
“De feito, o Goberno galego xa mantivo xuntanzas coa Fundación Olga Gallego para preparar un convenio específico por esta efeméride, ao que se sumarán actividades propias no Arquivo de Galicia e no Arquivo Histórico de Ourense, no que desenvolveu a maior parte do seu traballo”, manifestou o deputado popular José Luís Ferro.
Na súa intervención, Ferro lembrou que Olga Gallego Domínguez foi unha muller que “loitou pola igualdade real, e a través dos seus actos conseguiu romper teitos de cristal, sendo unha pioneira en moitos aspectos”. En concreto, apuntou que “foi unha destacada historiadora e arquiveira cun importante papel no desenvolvemento do sistema arquivístico e na conservación do patrimonio cultural galego”.
REFERENTE PARA ENTENDER A HISTORIA DE OURENSE
Olga Gallego foi directora do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, membro correspondente da Real Academia da Historia e numeraria da Real Academia Galega. A pesar de que a súa extensa obra, que supera o centenar de títulos, e o seu espírito xeneroso fixérona merecedora de numerosas distincións e premios, “sempre fuxiu dos focos e de forma silenciosa e humilde dedicou a súa vida a inventariar e catalogar o depósito da nosa historia, conservándoo co agarimo que só os sabios saben poñer nas súas responsabilidades”, sinalou.
Así mesmo, José Luís Ferro salientou que Olga Gallego “é un referente preciso e imprescindible para entender a historia da cidade de Ourense”. “A súa obra, títulos e aproximacións mostran facianas dunha mesma realidade complexa, a cidade de Ourense e as súas xentes, achegándonos a unha realidade onde florecen as inquedanzas dos homes e mulleres que transitan as rúas da cidade á que tanto lle ten dedicado”, engadiu.