Santiago, 22 de marzo de 2017.- A deputada do Grupo Popular Teresa Egerique cualificou hoxe de “irreal” e de “dubidosa rendibilidade para Galicia” a proposta de En Marea para o establecemento do servizo público de dragado portuario. Neste sentido, indicou que desde o PPdeG “seguiremos apoiando un plan de dragaxe conforme ás necesidades dos portos galegos e continuaremos traballando para reducir a tramitación nesas obras, porque consideramos que iso é o que xera os atrasos e non os problemas técnicos”.
Teresa Egerique considerou que “non sería responsable seguir en Galicia os exemplos do sistema implantado en Asturias e o País Vasco, porque sería un despilfarro, xeraría agravios comparativos e desigualdade entre os portos galegos”.
ACTUACIÓNS NOS PORTOS GALEGOS
«Xa que fan un corta e pega do sistema de Asturias, fágano ben porque esta comunidade autónoma ten 18 portos e dispón de dúas dragas, mentres En Marea pide unha soa para Galicia cando aquí existen 122 portos de competencia autonómica”, indicou.
A deputada popular explicou que os problemas da falta de calado nos portos veñen derivados do fango do curso dos ríos, do efecto das correntes e dos movementos provocados polos temporais. Deste xeito, dixo que “non todos os portos galegos teñen este problema e por iso estanse a tramitar obras de dragaxe en máis dunha ducia de peiraos da costa galega, como Laxe, Foz, Campelo, Cariño, Vilaxoán, Ribadeo, Pontevedra, Burela, Bueu, Celeiro, O Grove, Viveiro, Carril e Meira”.
Estas actuacións sumaranse ás dragaxes realizadas nos últimos en Ribadeo, Foz, Moaña, O Con, Vilaxoán e Burela, así como noutras zonas que precisaron de limpezas de fondos e voaduras en zonas rochosas como Vilanova de Arousa e Porto do Son.