Santiago, 16 de xuño de 2017.- O Grupo Popular apoiou esta mañá no Parlamento solicitar á Xunta se dirixa á empresa Google para que corrixa os topónimos da súa aplicación Google Maps restituíndoos á súa forma legal. Así mesmo, a iniciativa inclúe o rexeitamento ao uso por parte de organismos e institucións oficiais de toponimia ilegal, lembrando que a única forma oficial é a galega.
O portavoz de Cultura do Grupo Popular, César Fernández, manifestou que “somos os primeiros interesados en que Google poña solución a un erro que nos parece transcendental, polo que esperamos que a propia empresa entenda a situación e teña a vontade de poñer solución a un erro que nos parece de suma importancia, tendo en conta a importancia e o uso da rede e as redes sociais na actualidade”.
CONTACTO DA XUNTA
Neste sentido, lembrou que a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, púxose en contacto o pasado mes de abril con Google na súa sede en España para pedir a correcta utilización de varios topónimos de poboacións galegas nos mapas do seu sistema operativo”.
“Neste contacto, fíxose alusión ás numerosas queixas recibidas por parte de usuarios galegos, así como ao coñecemento que se ten deste erro na propia Administración autonómica, lembrándolle a especial protección que a toponimia de Galicia ten na nosa comunidade como parte esencial do patrimonio cultural e histórico”, sinalou.
Deste xeito, César Fernández sinalou que a Xunta “se puxo á enteira disposición da empresa Google para asesoramento e axuda precisa na corrección de erros da súa aplicación móbil de mapas”, polo que neste momento “está á espera de movementos por parte da propia empresa”.
“No caso que nun tempo prudencial non haxa ningún cambio ao respecto, volverase a poñer en contacto para facer este tipo de reclamación”, avanzou o portavoz popular,