Santiago, 17 de decembro de 2019.- O Grupo Popular apoiou a aprobación esta tarde no Pleno do Parlamento dunha moción a través da que se solicita á Xunta que presente un informe detallado do accidente do buque Blue Star, ao tempo que se esixe a garantía de dotación de medios, sistemas e protocolos de control para enfrontar calquera incidente ou accidente marítimo que se poida producir no futuro na ría de Ares, na súa condición de zona de servizo ou fondeadoiro dos portos de A Coruña e Ferrol.
A portavoz do Mar, Teresa Egerique, afirmou que “hoxe é o día de falar, explicar e render contas sobre o accidente do buque Blue Star e non antes, como fan sempre os grupos da oposición buscando sempre o enfrontamento ao PPdeG e sen importarlles a seguridade ou a protección das xentes do mar”. “O primeiro é salvar vidas, despois evitar a contaminación e, por último, salvar o barco, e agora, unha vez pasado todo, é o momento de debater politicamente sobre o tema”, sinalou.
COORDINAR OS MEDIOS
Egerique salientou que “Galicia é a comunidade autónoma que máis medios posúe para salvamento marítimo” e explicou que “pode ser importante ter competencias, pero máis importante é coordinar os medios, e neste caso se coordinan desde Galicia e por responsables e expertos galegos”.
“A diferenza do Goberno bipartito, que decidiron ter tres medios aéreos cun tempo de resposta de 30 minutos, o Goberno do PPdeG opta por medios aéreos 24 horas, 365 días ao ano e cun tempo de resposta de dez minutos”, concretou a portavoz popular, quen apuntou que “se teñen incorporado 42 novas persoas desde 2014 e estanse renovando catro patrulleiras e unha patrulleira pesada”.