O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno central unha regulación das comunidades enerxéticas de base cidadá, especialmente as radicadas no ámbito rural, que recoñeza ás comunidades de montes veciñais en man común, sempre que o soliciten expresamente, como comunidades enerxéticas de pleno dereito segundo o disposto nos artigos 12 bis e seguintes da Lei 24/2013.
O portavoz popular de Industria, Rubén Lorenzo, lembrou que o Goberno de España “ten pendente desde hai case dous anos aprobar un proxecto de Real Decreto polo que se desenvolvan as figuras das comunidades de enerxías renovables e as comunidades cidadáns de enerxía”.
“Resulta fundamental dotar dun marco lexislativo claro ás comunidades enerxéticas e para iso é importante a aprobación desa norma que leva case dous anos no caixón do Goberno socialista, tendo en conta as aportacións que se fagan desde as comunidades autónomas”, indicou.
DEMOCRATIZACIÓN DA ENERXÍA
Rubén Lorenzo asegurou que as comunidades enerxéticas “son xa un mecanismo de democratización da enerxía e unha boa vía para fomentar a descarbonización da nosa economía” e por este motivo o PPdeG incluíu no seu programa electoral co que se presentou ás pasadas eleccións autonómicas o impulso destas figuras, que permiten acadar un aforro enerxético á cidadanía, que, ademais, amosan cada vez máis interese por este tipo de iniciativas comunitarias.
No debate desta iniciativa parlamentaria, o portavoz popular propuxo que as comunidades de montes veciñais en man común “non se consideren de xeito automático como comunidades enerxéticas, senón que teñan que solicitalo expresamente, de tal xeito que contan cuns estatutos onde quede claro os fins enerxéticos das mesmas”.