O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Miguel Ángel Viso, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a proposta socialista de promover a agricultura e gandería rexenerativa “carece de base legal imprescindible para unha política pública seria”. “Presentan como novidade un modelo que carece de marco legal, de certificación pública obrigatoria e de regras comúns, permitindo que calquera use o termo sen asumir as mesmas esixencias”, indicou.
Miguel Ángel Viso explicou que a denominada agricultura rexenerativa “responde a un enfoque centrado na restauración da saúde do solo, no incremento da biodiversidade e na captura de carbono, principios que tamén están no corazón da agricultura ecolóxica, pola que a Xunta leva anos facendo unha aposta decidida”.
PRÁCTICAS QUE XA SE APLICAN
Neste sentido, asegurou que “Galicia aposta pola produción ecolóxica impulsando axudas á conversión e ao mantemento das explotacións ecolóxicas, apoiando a incorporación de novos produtores, financiando a certificación, e promovendo a calidade diferenciada e a transferencia de coñecemento”, e o resultado é que, segundo CRAEGA, a superficie e os operadores ecolóxicos en Galicia seguen medrando ano tras ano.
“Falan de novo modelo produtivo como se os actuais estivesen alleos á sustentabilidade, cando moitos agricultores e gandeiros xa aplican prácticas de conservación do solo, rotación, cubertas vexetais e redución de insumos non por unha etiqueta, senón porque nesa boa xestión lles vai o futuro económico de Galicia”, asegurou o portavoz popular.
Porén, o portavoz popular insistiu aos socialistas que “cando se crean conceptos sen base normativa créanse expectativas que logo non se poden cumprir: axudas sen marco, formación sen sistema, campañas sen produto realmente diferenciado e, sobre todo, riscos de competencia desleal para quen si cumpre cun réxime tan esixente como o ecolóxico”. “Pola contra, a agricultura ecolóxica é un sistema completo: con control, con certificación, con esixencias técnicas e con apoio público”, asegurou.