O portavoz do Mar do Grupo Popular, Miguel Fidalgo, asegurou hoxe que a iniciativa lexislativa popular para o recoñecemento e protección das actividades pesqueiras e marisqueiras debatida no Pleno do Parlamento galego xa está superada pola Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, unha norma que “non é do Partido Popular, senón froito da cogobernanza do sector e dun proceso no que participaron desde o Observatorio do Litoral, pasando por científicos, académicos e xuristas, e que contou con achegas decisivas da cadea mar-industria”.
Miguel Fidalgo lembrou que a iniciativa lexislativa popular “ten a súa orixe nun contexto no que, determinadas decisións, protagonizadas fundamentalmente polo Goberno de Pedro Sánchez, estaban poñendo en cuestión o desenvolvemento das políticas pesqueiras e marisqueiras en Galicia”.
XERAR UN CLIMA PROPICIO
“Hoxe dispoñemos dunha lei autonómica, como é a Lei do litoral, que permitirá afondar no desenvolvemento das competencias propias de Galicia e que proporciona a necesaria seguridade xurídica ao conxunto da cadea mar-industria, á nosa pesca, marisqueo e acuicultura, para o desenvolvemento da súa actividade, con capacidade para xerar un clima propicio para que as actividades profesionais do mar teñan futuro”, manifestou.
Deste xeito, asegurou que “a finalidade e obxectivo da iniciativa lexislativa popular xa está incorporada e superada pola Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que recolle ao longo do seu articulado diversos preceptos que inciden e abordan de xeito ambicioso as cuestións que se plasman na iniciativa lexislativa popular, en particular o apoio ao noso mar, marisqueo e acuicultura, e a súa consideración como actividade preferente”.
“Temos claro que defender a pesca en Galicia non é so protexer un sector económico, é salvagardar a nosa identidade, o noso pasado e o futuro de miles de familias”, rematou o portavoz popular.