Santiago, 9 de decembro de 2021.- “A maioría dos galegos teñen amosado a súa conformidade co actual modelo lingüístico no ensino galego, porque Galicia non quere a inmersión lingüística monolingüe que desexa o BNG para emular a outros nacionalistas do Estado”, manifestou hoxe no Pleno do Parlamento a portavoz de Lingua do Grupo Popular, Sandra Vázquez.
? O BNG centra a problemática da lingua galega no ensino, sinala @sandravazdom que é necesaria unha política lingüística integral tamén fora das aulas, no ámbito socio-laboral ou da mocidade como fai o Goberno galego pic.twitter.com/9q2jtUycrs
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) December 9, 2021
Neste sentido, salientou que “o realmente importante é que o alumnado galego coñeza, fale e use as linguas cooficiais” e criticou que os nacionalistas “non queren avanzar coa sociedade e a sociedade galega, ademais de avanzar, contestoulles que non comparten a súa visión da Galicia escura”.
Sandra Vázquez lamentou que o BNG, logo de que na recente asemblea anunciara a súa pretensión de abrir un novo tempo de futuro, “non deixara á marxe esa visión pesimista” sobre o galego e “intentara conectar coa maioría dos galegos que pensan que en Galicia non hai conflito lingüístico e que o galego e o castelán poden convivir perfectamente”.
ENFOQUE INTEGRAL
“Non destrúan o construído e sigamos traballando pola lingua de toda Galicia”, demandou a deputada popular aos nacionalistas, quen apuntou que “a lingua é a riqueza que temos todos os galegos, un motivo de orgullo que entre todos debemos coidar e potenciar”. Deste xeito, avogou por “afrontar a defensa da lingua galega cun enfoque integral, que permita avanzar no ensino, na cultura, no mundo dixital, no eido familiar, no ámbito socioeconómico, no deporte e, sobre todo, na mocidade”.
Vázquez lembrou que en Galicia “non se permite a inmersión lingüística pola Lei de normalización lingüística, unha norma que o BNG pediu en reiteradas ocasións neste Parlamento que se cambie porque frea as súas pretensións”.
Para rematar, a deputada popular salientou que o Informe PISA “constata que somos a comunidade onde o alumnado fala as dúas linguas cooficiais con máis facilidade”, ao tempo que “Galicia é a comunidade autónoma na que o alumnado declara en maior medida ser competente cando menos en dúas linguas, por enriba de comunidades como o País Vasco ou Cataluña”.
“Probablemente, o conflito que teñen coa lingua sexa unha liorta interna dentro do seu propio partido nacionalista, pero os galegos somos libres para falar galego cando, como e onde queiramos”, subliñou.