A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, afirmou que a proposición de lei de reforma do regulamento do Parlamento defendida hoxe polo grupo de En Marea “xa está recollida na Lei de Transparencia de Galicia, que no seu artigo 19 esixe que o Goberno galego publique anualmente no portal de transparencia un informe respecto do grao de cumprimento das iniciativas aprobadas na Cámara galega”.
Paula Prado lembrou que a Lei de Transparencia “non contou con ningún voto en contra na súa aprobación e tampouco emendaron o texto na liña que propoñen agora”. Ademais, subliñou que o citado artigo 19 foi “froito dunha transacción do Grupo Popular co Grupo Mixto, que todos os grupos parlamentarios votaron favorablemente”.
“Non estamos dispostos a modificar a Lei de Transparencia con cada ocorrencia da oposición”, indicou a viceportavoz popular, quen afirmou que “a labor da oposición é controlar ao Goberno e vostedes nos veñen pedir que se controle a si mesmo”. “O Goberno vai informar e a proporcionar información e, a partir de aí, a oposición realizará as iniciativas que considere oportunas”, anotou.
CONTROL AO GOBERNO
Así mesmo, Prado manifestou que “é falso que o actual regulamento do Parlamento non facilite o control dos mandatos lexislativos, porque a oposición ten posibilidade de presentar preguntas ou interpelacións, así como pedir comparecencias do Goberno ou mesmo pedir comisións de investigación de xeito directo, só teñen que poñerse de acordo”.
“A capacidade de control ao goberno que ten a oposición na actualidade duplica á que tiña o PPdeG cando foi oposición, contando naquel momento con máis votos e escanos que a que teñen agora conxuntamente os tres grupos da oposición”, sinalou.