Santiago, 9 de marzo de 2021.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, Ovidio Rodeiro, asegurou hoxe no Pleno que a unión dos centros de ensino de Baamonde e Virxe do Corpiño no concello de Begonte “resultará beneficiosa para o alumnado, xa que poderá crearse un aula para cada nivel educativo mellorando o funcionamento do centro, compatibilizando a racionalización da oferta educativa e o uso eficiente dos recursos coa calidade do ensino”.
Ovidio Rodeiro lembrou que a proposta de reorganización das dúas escolas de infantil e primaria “partiu do propio Concello de Begonte, que o aprobou por maioría absoluta no seu Pleno municipal”. “Esta decisión supón unha aposta por mellorar a prestación do servizo evitando agrupamentos de alumnos de diferentes idades nunha mesma aula”, sinalou.
MELLORAS PARA ALUMNOS E CENTRO
“Esta reorganización permitirá que os 95 alumnos agrupados tamén vexan reforzado o actual número de docentes e gozando de máis oportunidades de acceso a máis programas educativos”, apuntou.
Ademais, o portavoz popular salientou “o compromiso da Xunta de realizar o maior investimento público en materia educativa dos últimos anos no concello de Begonte: 600.000 euros para a rehabilitación integral do CEIP Virxe do Corpiño, facendo un centro moito máis confortable para ser utilizado pola totalidade da comunidade educativa”.
Rodeiro manifestou, por último, que esta reorganización do alumnado “permitirá deixar para outros usos as instalacións educativas situadas na parroquia de Baamonde, logo da correspondente desafección do edificio”. En concreto, recordou que o propio alcalde xa anunciou que estas instalacións “terán un fin educativo, xa que servirán para albergar un conservatorio de música, creado a partir da Escola de Música Músico Crisanto”.