O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Roberto Rodríguez, asegurou hoxe que a Xunta “está a avanzar no impulso da construción da vía de alta capacidade da Costa Norte” e concretou que neste momento está a traballar na actualización do proxecto construtivo do treito San Sadurniño-Sanguiñeira, que suporá un investimento superior aos 40 millóns de euros, e na continuidade do treito en servizo Celeiro-San Cibrao.
Roberto Rodríguez lembrou que na actualidade xa están en servizo dous treitos da VAC da Costa Norte: o que discorre entre Celeiro e San Cibrao, logo dun investimento de 50 millóns de euros realizado polo Goberno galego en plena crise económica; e a variante de Ortigueira, construído tamén en plena crise económica e que supuxo outro investimento de 50 millóns de euros.
“Para a continuación dos demais treitos, a Xunta presentou un plan de actuación aos alcaldes dos municipios afectados, co fin de consensuar unha proposta viable que teña en conta a realidade territorial, con actuacións a curto, medio e longo prazo”, sinalou.
OPOSICIÓN DO ANTERIOR GOBERNO DE VIVEIRO Á VARIANTE
Neste sentido, o portavoz popular lamentou que, na continuidade do treito Celeiro-San Cibrao, a variante de Viveiro “non avanzara na época na que máis recursos había pola irresponsabilidade do anterior Goberno municipal neste concello, que se opuxo á inclusión do enlace de Magazos no trazado desta variante, necesario para garantir a súa funcionalidade e para poder dividir a actuación en fases útiles por si mesmas”.
“Nas últimas semanas, o novo equipo de goberno de Viveiro interesouse de novo pola variante de Viveiro e ofreceu a colaboración municipal para avanzar, polo que confiamos que nos vindeiros meses haberá avances do mesmo xeito que os está a haber en case todos os eixos viarios de alta capacidade dependentes da Xunta”, apuntou.
Para rematar, lembrou que “a continuidade natural da VAC da Costa Norte na provincia de Lugo cara a A-8 é a A-74, unha autovía que depende do Estado e non ten ningún quilómetro do seu trazado en servizo, nin tampouco unha previsión de prazos para a súa execución”.