Santiago, 14 de abril de 2021.- A deputada do Grupo Popular Noelia Pérez asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta “nunca abandonou as valoracións presenciais dos expedientes de discapacidade, salvo entre os meses de marzo e maio de 2020 por mor do confinamento pola pandemia da Covid-19, porque o primeiro é preservar a saúde de todos os cidadáns galegos”.
Noelia Pérez lembrou que “a excepcionalidade da situación e a normativa estatal que se ditou pola pandemia da Covid-19 deu lugar á suspensión das citacións presenciais programadas para o recoñecemento do grao de discapacidade e a contemplar as citas telefónicas e telemáticas como unha vía para ampliar a información presente no expediente, sempre e cando o grao de discapacidade puidese resolverse sen necesidade dunha valoración presencial”.
AXILIZAR VALORACIÓNS E EVITAR DESPRAZAMENTOS
“O obxectivo era axilizar as valoracións e evitar os desprazamentos innecesarios das persoas máis vulnerables para non sometelas a un risco maior de contraer a Covid-19”, indicou a deputada popular.
Na súa intervención, explicou que, “unha vez levantado o estado de alarma o 2 de xuño do pasado ano, en Galicia reanudáronse de forma progresiva os recoñecementos do grao de discapacidade e a citación presencial nos casos necesarios”.
A deputada popular reafirmou “o compromiso do Goberno galego coas persoas con discapacidade, reforzando os equipos de valoración nas distintas áreas e incrementando os fondos para a atención da discapacidade un 10 por cento respecto a 2020”. “O traballo de toda a Xunta, porque a discapacidade é transversal e afecta a todas as consellerías, está a consolidar unha Galicia máis inclusiva e moito máis xusta”.