Santiago, 2 de novembro de 2018.- O deputado do Grupo Popular César Fernández Gil asegurou esta tarde no Parlamento, no debate dos orzamentos da Deputación Provincial de Ourense para 2019 celebrado na Comisión 3ª, que estas contas “están feitas para responder ás necesidades desta provincia”.Así mesmo, salientou que a Deputación de Ourense “ostenta o liderado en transparencia entre os gobernos provinciais de España”, ao tempo que a súa presenza en organismos nacionais e internacionais “permite estar onde se toman as decisións importantes para Ourense e influír nas políticas que marcarán o futuro desta provincia”.
César Fernández apuntou que os orzamentos da Deputación de Ourense para 2019 “son os máis altos dos últimos sete anos e consolidan o obxectivo de endebedamento cero para o vindeiro ano ao tempo que continúa a potenciarse a creación de emprego”.
DOUS ASPECTOS CLAVE
Así mesmo, o deputado popular destacou o plan de obras da Deputación Provincial, con idéntico importe para todos os concellos; o investimento na mellora da rede viaria provincial; a dotación para o Consorcio Provincial de Incendios, ademais de financiar os GES que corresponden aos concellos; e o compromiso co medio ambiente, os servizos sociais e a mellora do benestar dos ourensáns.
Fernández Gil fixo unha mención especial “a dous aspectos clave da xestión do Goberno provincial da Deputación de Ourense: a transparencia e o seu posicionamento en foros nacionais e internacionais”.
Así, salientou “a aposta pola transparencia e o goberno aberto como bandeira de xestión política na Deputación de Ourense”, o que a sitúa “liderando a materia a nivel nacional entre todos os gobernos provinciais”.
César Fernández lembrou que a Deputación de Ourense ostenta na actualidade a presidencia da Asociación Europea de Gobernos Locais Intermedios (Paternalia) e a vicepresidencia da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais. “Este posicionamento permite estar onde se toman decisións importantes para Ourense e influír nas políticas que marcarán o futuro deste provincia, algo que só é posible si se cree de xeito real na potencialidade dun territorio e se aposta decididamente polo seu desenvolvemento”, manifestou.