Santiago, 22 de outubro de 2021.- A deputada do Grupo Popular Ana Belén García asegurou hoxe no Parlamento galego que os traballos de restauración da ponte Nafonso entre Noia e Outes “estanse a executar respectando ao máximo o patrimonio cultural” e afirmou que estas obras “servirán non só para poñer en valor a ponte, senón que mellorarán a seguridade viaria neste treito”.
Ana Belén García explicou que a obra de reparación e posta en valor da ponte Nafonso está enmarcada no programa de control das pontes e obras de paso que está a desenvolver a Xunta, co fin de preservar a seguridade e alongar a vida útil destas infraestruturas. Esta actuación suporá un investimento superior aos 700.000 euros e permitirá poñer en valor esta ponte desde o punto de vista patrimonial, así como unha mellora da seguridade viaria de vehículos e, especialmente, peóns.
En concreto, a actuación que se está a desenvolver inclúe a retirada do pavimento de aglomerado bituminoso existente e substitución por un novo firme de lastro de granito; a retirada da vella barreira metálica e colocación dunha nova; limpeza dos paramentos exteriores da ponte; e novo alumeado da calzada e da estrutura da ponte.