O deputado do Grupo Popular Roberto Rodríguez asegurou hoxe no Parlamento galego que “calquera persoa ten dereito a escoller ante os órganos xudiciais de calquera xurisdición a lingua na que se desenvolverá o procedemento e a lingua na que fará as súas intervencións orais ou escritas, de xeito que a elección dunha ou outra lingua non conleva prexuízo de ningún tipo para el administrado».
Roberto Rodríguez explicou que a Xunta “está a impulsar o emprego do galego na Xustiza mediante distintas iniciativas, mais non pode impoñer o uso do galego nin promover iniciativas para eliminar o uso do castelán”. En concreto, puxo de manifesto a existencia de equipos lingüísticos, aplicacións de tradución automática e cursos de capacitación lingüística para todo o persoal da Administración de Xustiza.
IMPULSO DO GALEGO
Así mesmo, apuntou que estanse a desenvolver outras medidas, como a creación de Lex.gal, o maior portal de lexislación e xurisprudencia en galego; os cursos de linguaxe xurídica exclusivos para fiscais; a colaboración coa Irmandade Xurídica Galega; ou a utilización de documentos en galego dentro do entorno Omnibus.
“Na actualidade, hai órganos xudiciais e letrados da Administración de Xustiza que ditan as súas resolucións en galego; fiscais que redactan as súas resolucións, ditames e escritos en galego; e profesionais da avogacía e da procuradoría, forenses e equipos psicosociais que empregan o galego no día a día”, destacou o deputado popular, quen engadiu que “os órganos xudiciais, en calquera xurisdición, teñen as ferramentas precisas para o desenvolvemento do procedemento xudicial na lingua escollida polas partes”.