Santiago, 8 de febreiro de 2022.- O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “non temos unha crise industrial, senón enerxética; que non se circunscribe a Galicia, senón que afecta a toda España; e que os principais causantes teñen nome e apelidos: Pedro Sánchez e os seus socios do BNG que o manteñen como presidente do Goberno”.
No debate dunha moción do BNG en relación coa crise industrial, Miguel Tellado afirmou que os nacionalistas “teñen razón en que existe unha crise en Galicia, pero esa crise chámase Pedro Sánchez”. “Desde a chegada do presidente socialista ao Goberno, España atravesa graves problemas enerxéticos derivados das desastrosas políticas de transición ecolóxica do seu Goberno”, apuntou.
TRABALLADORES DE PRIMEIRA E SEGUNDA
“Unhas políticas que provocaron os actuais prezos da electricidade, que sofren en primeira persoa todos os españois e que están obrigando a toda a industria electrointensiva a pechar ou marcharse, non só de Galicia senón tamén de toda España”, concretou.
Así, referiuse a empresas como Alcoa ou Alu Ibérica, e tamén do peche das centrais térmicas de Cerceda e As Pontes, da falta de carga de traballo en Navantia, a marcha de Vestas ou Siemens-Gamesa ou da situación que vive Ence.
Tellado lamentou que “para o BNG hai traballadores de primeira e de segunda, aínda que a realidade é que os traballadores galegos son o último que lles importa: só os utilizan para atacar á Xunta e para tratar de sacar rédito político”.
O viceportavoz popular afirmou que “Galicia non está a sufrir unha crise industrial” e para sustentar esta afirmación lembrou que “a economía galega resistiu mellor que a media estatal o impacto da pandemia, cerramos o ano 2021 cun crecemento do PIB do 5,3 por cento; o índice de produción industrial medrou en Galicia máis que no conxunto de España e as exportacións superaron o récord histórico de 2019”.