Santiago, 13 de abril de 2021.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que “en Galicia só se autorizan parques eólicos que compren todas as garantías técnicas, medioambientais e xurídicas que establece a lexislación vixente, ademais de ser compatibles co resto de actividades económicas”.
“Foi o Goberno de Feijóo o que, coa aprobación da Lei do sector eólico de 2009, prohibiu a instalación de proxectos en espazos declarados como zonas de especial protección dos valores naturais, salvo os casos de repotenciación”, lembrou a portavoz popular, quen engadiu que “esta prohibición referendouse en 2014 coa entrada en vigor do decreto do Plan Director da Rede Natura 2000, que prohibe expresamente a implantación de novos parques eólicos neste espazo protexido”.
PLAN SECTORIAL EÓLICO
Deste xeito, Marta Nóvoa concretou que “só existen tres repotenciacións en Rede Natura autorizadas polo actual Goberno galego, que supuxeron a redución do 90 por cento do número de aeroxeneradores, cando o Goberno bipartito autorizou no seu momento seis proxectos en Rede Natura”.
“Sorprende que para buscar o consenso o BNG nos tache de depredadores medioambientais e nos inciten permanentemente a incumprir a lexislación, querendo paralizar proxectos sen proceder á súa correspondente tramitación”, lamentou, para incidir que “lles molestan todos os proxectos eólicos, en todas as zonas, en todas as provincias, estean dentro ou fora do Plan sectorial eólico de Galicia”.
Neste sentido, a portavoz popular salientou que “en Galicia temos un Plan sectorial eólico ordenado, transparente e máis vixente que nunca, no que se recolle que todos os proxectos deberán cumprir as distancias mínimas aos núcleos rurais, urbanos e urbanizables, e que se dará prioridade aos parques eólicos que leven aparellado un proxecto industrial que consolide ou cree un mínimo de 25 empregos”.
PARTICIPACIÓN PÚBLICA TRANSPARENTE
Para rematar, Marta Nóvoa apuntou que “todos os proxectos eólicos inclúen un proceso de participación pública transparente, na que os cidadáns teñen acceso a toda a información”. “O BNG quere transmitir que a enerxía eólica non ten impacto económico na zona onde se asenta, algo que é totalmente falso porque os propietarios reciben unha renda e os concellos reciben impostos e investimento, que en moitos deles non se produciría de non ser pola instalacións destes parques”, engadiu.
“Galicia é líder en enerxía renovable e Lugo é a segunda provincia de España produtora deste tipo de enerxía, pero queremos seguir mellorando estas posicións e necesitamos continuar co desenvolvemento deste sector na Comunidade galega, cun papel protagonista no cumprimento do Plan de enerxía e clima de carácter estatal”, sinalou.