Santiago, 9 de febreiro de 2021.- A deputada do Grupo Popular Lupe Murillo asegurou hoxe no Parlamento galego que “Galicia é neste momento a comunidade autónoma española que máis axudas concedeu ao sector da hostalería”.
Porén, insistiu na “necesidade de atopar un consenso entre todas as administracións para conseguir unha solución áxil e con transcendencia que permita ao sector hostaleiro galego resistir neste momento de restricións laborais”.
Lupe Murillo lembrou que a Xunta xa dispuxo dun primeiro plan de axudas dotado con 86 millóns de euros a través do que a hostalería galega puido acceder a axudas que van desde os 6.700 aos 9.200 euros. “A día de hoxe, están distribuídos máis de 70 millóns de euros, que se corresponden co pago do 90 por cento das solicitudes resoltas de xeito favorable”, apuntou.
AXILIDADE NA TRAMITACIÓN
Así mesmo, a deputada popular sinalou que “a Xunta publicará nos vindeiros días un segundo plan de rescate dotado con 75 millóns de euros, co que poñería a disposición do sector cerca de 160 millóns de euros en 90 días”.
“A axilidade na tramitación destas axudas pola preocupante situación que está a vivir o sector da hostalería foi unha prioridade do Goberno galego, polo que, vendo que era imposible chegar a un acordo con deputacións e concellos para crear un fondo común, decidiu seguir adiante con este segundo plan, permitindo e agardando que máis adiante poidan adherirse outras administracións”, explicou.
Murillo demandou aos deputados nacionalistas e socialistas que “fagan chegar aos concellos e deputacións galegos a necesidade de colaboración co sector da hostalería, como xa está a facer a Xunta desde o primeiro momento”.
Neste sentido, apuntou que “solicitamos outorguen axudas directas ao sector, que permitan solventar momentos de iliquidez como estes, procedan á bonificación total das taxas e impostos aos locais pechados e sen actividade por mor das restricións da pandemia, así como a devolución dos tributos cobrados no pasado ano polo mesmo motivo, entendendo que, de ser imposible a retroactividade da norma, sexa outorgada a axuda de forma directa para facer neutra a tributación soportada”.