10 de febreiro de 2023. O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro asegurou hoxe no Parlamento galego que “Galicia ten hoxe a rede de apoio máis ampla para os autónomos”: ao programa Impacto autónomo, dotado con 35 millóns de euros, súmase o programa de axudas á contratación indefinida e formación de persoas asalariadas (1,3 millóns de euros), o programa Sempre Autónomo (12 millóns de euros) para apoiar o emprendemento, o Bono Autónomo para traballadores por conta propia (8 millóns de euros) e os 12 polos de emprendemento e apoio ao emprego autónomo.
Balseiro explicou que Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior peso de traballadores autónomos con respecto ao total da afiliación, xa que representan o 20,65 por cento dos traballadores, 4,18 puntos por riba da media nacional. Por este motivo, dixo que o traballo da Xunta fai que “Galicia é o mellor lugar para emprender”.
DE 800 A 1.500 EUROS POR BENEFICIARIO
Na súa intervención, lamentou que tanto ao BNG como ao PSdeG “lles moleste a posta en marcha do programa Impacto Autónomo, que acadou unha extraordinaria acollida e chegará a 30.000 autónomos galegos”. En concreto, lembrou que este programa mobiliza 35 millóns de euros do orzamento da Xunta a través de axudas directas de entre 800 e 1.500 euros por beneficiario, “unhas axudas que buscan reducir o impacto da suba das materias primas que está a afectar á actividade económica das persoas traballadoras por conta propia e das microempresas”.
“Un programa que naceu con dous obxectivos claros: axilidade e eficacia, que están cumpridos porque tan só 15 días despois da súa convocatoria, o pasado 9 de febreiro, a Xunta xa comezou a pagar as axudas”, salientou.
Para rematar, José Manuel Balseiro cualificou de “sorprendente ver como no PSOE pretendes disfrazarse de defensores dos autónomos”, pero apuntou que “non se defende aos autónomos subíndolles as cotizacións á Seguridade Social ou eliminando o desconto directo nos combustibles”.