Santiago, 8 de novembro de 2018.- A deputada do Grupo Popular Marián García Míguez asegurou hoxe no Parlamento que “haberá centro de saúde en Bouzas, e a súa construción está incluída no proxecto de orzamentos da Xunta para 2019”. Deste xeito, demandou a PSOE e BNG que “deixen de mentir e calumniar, como fixeron co Hospital Público Álvaro Cunqueiro”.
Marián García explicou que o centro de saúde de Bouzas “concíbese como complementario ao centro de saúde de Navia, logo da revisión que se fixo do plan funcional inicial dado que na actualidade o número de usuarios atendidos en Navia é moito menor que a capacidade para o que foi dimensionado”. “Este centro, aberto hai seis anos, deseñouse para atender a 45.000 usuarios, e inicialmente tivo 5.400 e hoxe ronda os 14.700”, apuntou.
“Deste xeito, faise necesario ter en conta o mapa global de centros e recursos da cidade e dimensionar axeitadamente os servizos en función das necesidades”, manifestou a deputada popular, quen lembrou que o propio conselleiro de Sanidade reuniuse cos veciños e consensuou a posta en marcha do centro de saúde de Bouzas axustado ás reais dos futuros usuarios.
García Míguez criticou que “sexan agora socialistas e nacionalistas quen demanden a construción dun novo centro de saúde en Bouzas, cando foron incapaces cando gobernaban en Galicia de facer realidade este edificio tendo os cartos e dispoñendo de terreos”.