O deputado do Grupo Popular Roberto Rodríguez asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “nin a zona tensionada nin a criminalización das vivendas de uso turístico van a solucionar o problema do mercado de alugueiro de vivenda, nin o fixo en Cataluña nin o vai facer en ningún outro sitio porque é como quen trata a febre sen tratar a infección que a provoca: reduce a oferta e incrementa o prezo”.
Roberto Rodríguez lembrou que a Xunta puxo en marcha o pasado mes de xullo o programa Fogar Vivo, co obxectivo de axudar aos propietarios de vivendas baleiras a poñelas no mercado de alugueiro. A través deste programa, e co límite de 16.000 euros por vivenda, este programa dispón de axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de falta de pagamento de rendas e seguros multirisco do fogar; axudas para a adecuación e reparación das vivendas; e unha axuda específica para o caso de que a vivenda se alugue a menores de 36 anos ou con fillos menores de idade ou con persoas dependentes ao seu cargo.
INICIATIVA INNOVADORA E NON INTERVENCIONISTA
“Falamos dun programa de mobilización de vivendas baleiras, unha iniciativa incentivadora, non intervencionista, coa idea de axudar aos propietarios coa súa reforma para poñelas no mercado de alugueiro”, manifestou o deputado popular, quen subliñou que esta iniciativa “está ser emulada noutras comunidades e polo Goberno do Estado no deseño do novo Plan Estatal de Vivenda”.
Ademais, subliñou que “o Presidente Rueda comprometeuse en 2024 a duplicar o parque público de vivenda en Galicia con 8.000 novas vivendas e achegámonos ao ecuador da lexislatura cos deberes feitos e cun proxecto de orzamentos para 2026 que garante o impulso necesario para cumprir co compromiso adquirido polos galegos”.
Pola contra, Roberto Rodríguez criticou que “todas as accións adoptadas polo Goberno central nos últimos sete anos, lonxe de mellorar as condicións do acceso á vivenda, o que fixeron foi empeoralas”. Así, criticou que “afirman que lexislan contra os grandes tenedores, pero a realidade é que esta lexislación cae maioritariamente sobre os ombreiros dos propietarios de máis de 65 anos, de clase media e cunha única vivenda en alugueiro”.
“Deste xeito, estes propietarios afrontan dúas preocupacións á hora de poñer en alugueiro os seus inmobles: os impagos e os danos na súa vivenda”, explicou o deputado popular, quen lamentou que a responsa do Goberno de Pedro Sánchez fora “alimentar eses temores cunha lexislación estatal que claramente os desprotexe en lugar de darlles seguridade xurídica, o que se traduciu en que, en apenas dous anos, a Lei de vivenda estatal ten expulsado 120.000 vivendas do mercado de alugueiro”.