Santiago, 4 de decembro de 2019.- A deputada do Grupo Popular Encarna Amigo afirmou hoxe no Parlamento que no Sergas “trabállase cada día en políticas que permitan mellorar as listas de espera, priorizando sempre en función da gravidade, co firme compromiso de axilizar a asistencia e, por suposto, sempre tratando de dotar aos usuarios da capacidade de decisión”.
Encarna Amigo sinalou que “o Servizo Galego de Saúde garante, a través dos seus sistemas de información e das súas actuacións, os requisitos establecidos sobre os tempos de espera dos pacientes, asegurando a comparabilidade destes datos con outras comunidades autónomas ao publicar os seus datos con carácter semestral no seu portal web”.
ACCESO Á INFORMACIÓN
“Ademais, os usuarios do Sergas dispoñen dun acceso ao sistema de información das citas e das listas de espera que permite, garantindo sempre a confidencialidade dos datos, acceder á consulta personalizada sobre os seus datos de espera en cirurxía, consultas de probas a través da páxina web”, apuntou.
A deputada popular salientou que “o tempo de espera media para unha intervención cirúrxica en Galicia en decembro de 2018 foi de 61,6 días, o que supón unha diminución de 4,8 días respecto ao ano anterior, sendo esta a mellor cifra acadada desde que se formalizou o rexistro de lista de espera no ano 2013”.
Deste xeito, Encarna Amigo sinalou aos grupos da oposición que “coa sanidade non se xoga”, porque “vostedes agreden cada día á cidadanía galega sementando dúbidas e faltando á verdade, pero aos doentes, aos enfermos e á xente que precisa usar a sanidade non a enganan porque coñecen e usan este servizo público e saben o que realmente temos”.