Santiago, 29 de xaneiro de 2020.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos asegurou hoxe no Parlamento que “o PPdeG nunca pactará contra o pluralismo político, nunca pactará contra os dereitos das mulleres e nunca pactará contra os intereses de Galicia”. “Galicia é unha terra de xente sensata e o problema do fascismo só habita nas cabezas dos representantes dos grupos da oposición”, sinalou.
Alberto Pazos manifestou que o PPdeG “é o partido que máis se parece aos galegos, un partido de centro, moderado, tolerante e a única esperanza para que Galicia se manteña alonxada de extremismos de calquera tipo”. Neste sentido, apuntou que “os extremistas son outros: aqueles que descualifican a calquera que discrepe con eles”.
CABALO DE TROIA
“VOX é o cabalo de troia que necesitan os grupos da oposición para gobernar en Galicia, e se chegara o caso estarían dispostos a pactar con esta formación política para gobernar, do mesmo xeito que pactaron cos todos aqueles cos que xuraron que non ían pactar”, dixo o deputado popular. Deste xeito, indicou que “se prestan a converterse no altavoz político dese partido, para darlle visibilidade coa única esperanza de que prive ao PPdeG de gobernar na Comunidade galega”.
Para rematar, Pazos afirmou que “o problema do fascismo en Galicia habita só nas cabezas dos representantes dos grupos da oposición” e, retomando unha viñeta de Xaquín Marín, sinalou que “canto máis nazi é un, máis nazis pensa que ten arredor”.