Santiago, 12 de marzo de 2019.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos asegurou hoxe que a proposición de lei do BNG de memoria histórica democrática de Galicia é “un novo intento de fomentar a crispación social, como instrumento para obter réditos electorais mediante a demonización dos que non comparten os prantexamentos políticos dun grupo que goza de escaso apoio do pobo galego”.
“O Partido Popular naceu coa democracia, leva traballando mais de 40 anos na defensa dos valores democráticos, e aspira a seguir axudando a construír un pais mais libre, mais xusto e mais tolerante”, asegurou.
Alberto Pazos afirmou que esta proposición de lei “está impregnada desa vocación de imposición dunha verdade única, e mostra disto é a súa Disposición Adicional Terceira, na que se insta ao Goberno do Estado á derrogación da Lei de Amnistía, por considerala un obstáculo para a xustiza efectiva”. “Resulta inaceptable nunha lei que se denomina de memoria, o intento, reiteradamente pretendido polo BNG, de converter o que foi o gran pacto nacional de reconciliación, nun instrumento de impunidade”, indicou o deputado popular, quen apuntou que “tal pretensión constitúe un exercicio intolerable de falsificación histórica”.
“Creemos que o espírito sanador e de reconciliación que alumeou proceso de transición democrática en España segue vixente na sociedade española, e consecuentemente non apoiamos a admisión a trámite dunha proposición de lei que non participa dese espírito, porque nós hoxe, como eles daquela, temos a convicción de que a concordia debe ser posible”, manifestou.
FLAGRANTES ERROS
Na súa intervención, o deputado popular lembrou que “nesta mesma lexislatura temos aprobado no Parlamento distintas iniciativas co obxectivo de eliminar progresivamente os símbolos de exaltación do franquismo, ao tempo que impulsamos medidas de apoio ás familias que lexitimamente pretenden dar digna sepultura aos represaliados que aínda hoxe xacen en condicións ignominiosas en campos e cunetas”.
Respecto da proposición de lei, Pazos asegurou que “incorre en flagrantes erros de plantexamento”. A modo de exemplo, referiuse ao artigo 38, no que se recolle que “por medio desta lei declárase que as Torres do Pazo de Meirás (Sada), a Casa Cornide (A Coruña) e as esculturas de Abraham e Isaac son bens expoliados e que polo tanto deben formar parte do patrimonio público galego”. “Dificilmente unha democracia que aspire a ser denominada como tal pode aceptar un precepto que elude calquera control xudicial para determinar, por mera vontade do lexislador, a natureza patrimonial de determinados bens”, sinalou.
Ademais, dixo que “se incorre desta forma nas mesmas actitudes que se pretenden condenar, conculcando os dereitos constitucionais dos cidadáns sen mais fundamento que a simpatía ou antipatía que estes espertan nos representantes públicos, ignorando conscientemente recentes sentencias xudiciais e apostando pola arbitrariedade como fórmula válida de incautación de bens”.