O portavoz de Lingua do Grupo Popular, José Luís Ferro, acusou hoxe ao BNG no Pleno do Parlamento de utilizar o galego “para castigar, sinalar ou dividir, cando debe ser un espazo de encontro, valor común e unha lingua viva que nos une”. Así mesmo, incidiu que “a proposta de oficializar o galego, o catalán e o euskera no Parlamento Europeo require seriedade, diálogo institucional e garantías de viabilidade, e non pode ser que unha cuestión tan relevante sexa utilizada como moeda de cambio política para pagar pactos de investidura con partidos independentistas”.
“A única verdade contrastada é que o Goberno de España non contou coa Xunta para a proposta de oficializar o galego no Parlamento Europeo, senón que a impuxo nun contexto de débeda política cos seus socios parlamentarios e que agora pretende culpabilizar aos demais da súa propia falta de planificación”, manifestou José Luís Ferro.
COMPROMISO INDISCUTIBLE COA LINGUA
Así, reiterou que “o noso compromiso coa lingua galega é indiscutible, pero recoñecer unha lingua nunha institución como o Parlamento Europeo non se resolve con boas intencións: é un proceso complexo, require apoio diplomático, informes técnicos, tradutores, orzamento asignado e, sobre todo, consenso e seriedade”. “O Goberno de Pedro Sánchez levou esta proposta a Europa sen falar coas institucións autonómicas, sen negociar cos demais Estados membros e sen asegurar os votos necesarios nunha manobra improvisada, electoralista e puramente simbólica”, dixo.
“Estamos a favor de que o galego teña máis presenza internacional, pero advertimos de que non se pode asumir unha proposta que supón un custo de 40 millóns de euros anuais e unha tramitación que require a unanimidade dos 27 estados membros da Unión Europea”, explicou o portavoz popular.
Para rematar, José Luís Ferro subliñou que “o galego deféndese sumando vontades, con políticas útiles e con consenso institucional”, polo que avogou por “afastar a lingua do combate político, traballar xuntos, con sentido institucional, con responsabilidade e con humildade”.