Santiago, 21 de marzo de 2019.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, asegurou hoxe que “o Plan Hidrolóxico vixente establece que non poderán ser autorizados novos elementos transversais nos ríos, o que leva consigo que toda solicitude que supoña implantación dun novo obstáculo nos ríos debe ser denegada, permitíndose unicamente a repotenciación das centrais hidroeléctricas existentes”.
No debate dunha proposición non de lei de En Marea para desenvolver aproveitamentos de mini e micro hidráulica por toda Galicia, Marta Nóvoa explicou que esta proposta “nin cumpre co medio ambiente, nin coa lei vixente sobre o plan hidrolóxico, nin lle sairía rendible en custes aos posibles beneficiarios, que xa abandonaron anteriores concesións por escasa produtividade”.
“Actualmente, para as concas de Galicia Costa, o Plan Hidrolóxico impide o outorgamento de novas concesións que supoñan a implantación de novos obstáculos transversais no leito ou calquera outro elemento que comprometa o mantemento da continuidade lonxitudinal fluvial”, concretou.
NOVAS CONCESIÓNS ADMINISTRATIVAS
O portavoz popular explicou que a recuperación e nova posta en funcionamento das instalacións que viron extinguida a súa concesión, na meirande parte dos casos por caducidade pola interrupción permanente da explotación durante tres anos consecutivos por causas imputables ao titular concesional, “tería que realizarse a través do outorgamento dunha nova concesión administrativa”.
“Este outorgamento non se produciría automaticamente, senón que estaría suxeito a un procedemento administrativo limitado tanto polo principio da libre competencia como por unha serie de condicionantes e postulados técnicos, sometidos a un férreo control por parte da Administración”, indicou.