Santiago, 3 de decembro de 2019.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, incidiu hoxe no Parlamento, respecto do peche do paritorio no Hospital de Verín, que “este grupo parlamentario, e o Goberno que sustenta, van primar sempre a seguridade das nais e dos nenos sobre calquera outra circunstancia ou presión sindical ou política, veña de onde veña, porque o contrario sería totalmente irresponsable”.
Aurelio Núñez lembrou que 44 médicos do Hospital de Ourense (21 xinecólogos e 23 pediatras) teñen asinado un documento no que aluden a criterios de calidade asistencial e tamén ás recomendacións das principais sociedades científicas respecto do peche do paritorio en Verín.
“As opinións profesionais cualificadas van en sentido contrario do que defenden os grupos da oposición, primando a seguridade fronte á proximidade ou a comodidade”, manifestou.
NON HAI PEDIATRÍA HOSPITALARIA EN VERÍN
Deste xeito, cuestionou á oposición sobre se “vostedes serían quen de manter este servizo despois de escoitar a opinión dos expertos?, porque “que non escoitaríamos de vostedes sobre o Presidente da Xunta ou sobre o conselleiro de Sanidade se ocorrese algún problema despois das advertencias dos xefes de servizo?”.
O portavoz popular subliñou que no Hospital de Verín “non hai pediatría hospitalaria desde o ano 2006, e tampouco houbo nunca hospitalización pediátrica, polo que a atención aos neonatos contou sempre cunha garda localizada de pediatra só para esta función”. “Por tanto, é imposible que se pechen as urxencias pediátricas, como se está a falar por parte dos grupos da oposición, nin que haxa listas de espera no servizo de pediatría deste hospital”, indicou.