O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Roberto Rodríguez, asegurou hoxe no Parlamento galego, nun debate sobre a gratuidade da autovía AG-55 entre A Coruña e Carballo, que “o PPdeG nunca se comprometeu á gratuidade das autoestradas autonómicas, pero tampouco o descarta no momento que existan recursos económicos para levalo adiante, do mesmo xeito que se fixo recentemente coas catro autovías con peaxes na sombra rescatadas”.
Roberto Rodríguez salientou que as autoestradas de titularidade autonómica “son as máis baratas de España gracias ás bonificacións establecidas pola Xunta” e criticou a BNG e PSdeG por “querer desviar a atención cunha iniciativa sobre a peaxe na AG-55 para non falar da estafa aos galegos que foi a súa promesa dunha AP-9 galega e libre de peaxe, mentres en Madrid tragan con prórroga tras prórroga na tramitación da Lei de transferencia de titularidade desta autoestrada a Galicia”.
Na súa intervención, o portavoz popular lamentou que “Galicia sexamos líderes nacionais en quilómetros de autoestradas de pago: temos 334 quilómetros, dos que 273 son de titularidade estatal, que lle custan aos galegos máis de 155 millóns de euros anuais fronte aos pouco máis de 11 millóns de euros que os usuarios pagan polas autoestradas de titularidade autonómica”.