O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, asegurou hoxe no Pleno do Parlamento galego que todas as instalacións de biogás que existen ou se pretendan instalar en Galicia compren unha estrita tramitación ambiental na que se analizan moitos factores, entre eles as afectacións sobre a poboación e a saúde. Neste sentido, criticou que o BNG “non vai parar ata que paralice todo proxecto que se pretenda implantar na Comunidade galega, con bulos, escraches e campañas de acoso seguindo as directrices marcadas desde os seus coroneis da UPG”.
Gonzalo Trenor defendeu “a necesidade de garantir o equilibrio entre o impulso ás enerxías renovables e a creación de riqueza e emprego co respecto ao medio ambiente e a saúde pública”. Así, apuntou que “para garantir unha implantación ordenada e ambientalmente segura, a Xunta sempre avalía as afeccións á poboación, á saúde, ao medio ambiente ou ás cuestións relacionadas co transporte de residuos de calquera proxecto na súa tramitación ambiental, realizada ao abeiro tanto a lei 21/2013 de avaliación ambiental como do Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia e a normativa sectorial de aplicación”.
ENERXÍAS RENOVABLES
Na súa intervención, o portavoz popular sinalou que o biogás e o biometano constitúen fontes de enerxía 100 por cento renovables, cun poder enerxético moi similar ao do gas natural e que contribúen á economía circular e a transición enerxética, permitindo a substitución de combustibles fósiles e dando saída a residuos agrícolas, xurros, residuos alimentarios e augas residuais.
“Actualmente, Galicia conta con 8 instalacións de biogás rexistradas como xestores de residuos, situándose como a sétima comunidade autónoma produtora de enerxía renovable de España a partir dunha materia prima da que contamos en cantidades abundantes”, explicou Gonzalo Trenor. Deste sentido, incidiu que “Galicia conta cun gran potencial neste eido tanto para crear máis emprego, como para xerar máis enerxía 100 por cento renovable, como para mellorar a xestión dos residuos”.