A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, criticou hoxe no Parlamento galego que BNG e PSdeG “utilicen agora a COVID persistente como arma política, distorsionando a realidade e creando alarma onde hai unha resposta organizada e solvente”. Así, asegurou que “todos os pacientes que sofren síndrome post-covid teñen garantida a atención sanitaria que precisan, tanto en atención primaria como nos centros hospitalarios especializados, segundo a sintomatoloxía que presenten”.
Encarna Amigo explicou que as unidades post-covid do Servizo Galego de Saúde atenderon a 26.474 pacientes entre os anos 2021 e 2024 e apuntou que “a demanda foi caendo ano tras ano porque o número de casos activos se reduciu de forma notable”. “Esa evolución permitiu reorganizar os recursos sempre co aval dos equipos profesionais para garantir a continuidade asistencial nos servizos hospitalarios especializados”, indicou.
PROFESIONAIS PILOTANDO A RESPOSTA
“Non se pode insultar a intelixencia dos profesionais sanitarios insinuando que precisan formación, cando son eles os que teñen pilotado a resposta desde o primeiro día da pandemia”, manifestou a portavoz popular, quen destacou que “temos os profesionais mellor formados da historia, que teñen unha oferta formativa a través do ACIS e da propia consellería cando eles consideran necesario”.
Ademais, subliñou que “Galicia lidera a investigación sobre Covid persistente cun proxecto recoñecido e financiado con 150.000 euros no Hospital Lucus Augusti de Lugo, un aval científico que reforza o noso compromiso coa saúde baseada na evidencia”.
A portavoz popular lembrou que “Galicia respondeu con responsabilidade, rigor e eficacia á pandemia da covid-19, sendo unha das comunidades autónomas que rexistrou menos falecemento por esta enfermidade gracias a unha xestión sanitaria solvente, á implicación dos profesionais e ao compromiso da cidadanía”. Neste sentido, afirmou que “lideramos as primeiras campañas de vacinación, acadando as taxas máis altas de inmunización de toda España, e a día de hoxe seguimos a ser das comunidades con maior aval vacinal ano tras ano”.